RetroFed Forum
Your home away from modern life.
A miña opinión sobre o atraso económico de Galicia
Post Reply
AuthorMessage
Petasetas tardigram.com Petasetas@tardigram.com
Joined: 2025-07-13
(edited) Quote

Beiras non foi un profeta, foi un gran analista que soubo entender o que sucedía en Galicia, onde o colonialismo foi a gran lacra socioeconómica.
Na honra de Xosé Manuel Beiras
Acaba de falecer Xosé Manuel Beiras, autor do Atraso Económico de Galicia, unha obra básica e esencial para entender a realidade social, económica e política da Galicia profunda e emerxente. Por iso quero dar a miña opinión sobre o seu libro.
O Atraso... publicouse por primeira vez en 1972 en Galaxia, aínda que logo tería varias reedicións. É a tese de doutoramento de Beiras reelaborada e convertida en libro, polo que debe considerarse un verdadeiro ensaio científico serio, que parte da situación na que se atopaba Galicia na década dos anos 60-70.
Galicia era considerada, daquela, unha rexión pobre, e explicábase por causas case morais: pola culpa do carácter dos galegos, marcado por un gran individualismo, pola existencia dun minifundismo moi estendido; por un atraso técnico moi marcado e unha produtividade tradicionalmente baixa...
Ese era o punto de partida. Unha realidade que moitos galegos coñecemos en primeira persoa, porque nos tocou vivila, e que tamén foi o que se nos dixo, timidamente, nos medios académicos, pouco ou nada interesados en analizar a fondo o problema.
Beiras muda a visión
Pois ben, Beiras cambia por completo esa visión arcaica e arcaizante de Galicia e interpreta, desde un contexto económico marxista, o que sucedía aquí como resultado dunha evolución histórica contraditoria: unha evolución acabada, é dicir, unha evolución na que xa non cabía máis evolución.
Tomemos como exemplo o minifundismo levado ao extremo en moitos lugares de Galicia. Chegou a un límite, ao límite máximo da súa evolución, de tal forma que a subdivisión infinitesimal da propiedade non ten máis onde ir. Pero o minifundismo foi moito máis alá da fragmentación extrema da propiedade: aplícase tamén á ocupación do territorio (313 concellos, 3.771 parroquias, 40.432 núcleos de poboación), á frota pesqueira artesanal, ao número de muíños dispersos polo territorio, á enorme cantidade de cruceiros, ermidas, igrexas, pontes, pozos etc. Unha estrangulación do territorio que chegou a límites máximos e que resultaba imposible articular desde o propio territorio. En realidade, a articulación fíxose desde fóra, desde o poder centralista: os Camiños Reais, que articulaban o noso territorio como tal, foron substituídos polas estradas nacionais e o ferrocarril, de deseño totalmente centralista, simbolicamente desde o km 0 en Madrid. Así, Galicia desestruturouse en favor do centralismo.

6   Original
Post Reply
Back to top